O GALEGO E AS LINGUAS

 1.  No mundo fálanse actualmente máis de 5.000 linguas.  En Europa existen linguas de orixe moi diversa e de recoñecemento e usos tamén distintos. O galego, pola súa condición de lingua cooficial e polo seu amplo uso social, constitúe unha lingua de tamaño medio no ámbito europeo. 
 2. En España, o 40% da poboación vive nun territorio con outro idioma oficial ademais do castelán. 
3. As linguas non son elementos inalterables; son estruturas vivas para comunicar e para expresar, que varían no tempo, no espazo, nos usos etc. O galego está sempre en marcha! 
4. As linguas teñen todas o mesmo valor, pero outórganselles status distintos en cada momento da historia: o francés foi en tempos lingua da diplomacia entre os ingleses; o galego, lingua literaria das Cortes castelás; o italiano, lingua da ópera en Viena...  
5. O multilingüismo considérase hoxe un valor de mercado: comprender e falar diferentes linguas constitúe unha oportunidade no mundo laboral, tamén en Galicia. 
6. O coñecemento de máis dunha lingua supón contar con máis referencias para chegar a aprender outras.  Desde o galego non é difícil acceder ao portugués, ao castelán, ao italiano, ao francés... Coñecelo ábrenos as portas ao mundo amplo que nos rodea!
 7. En Europa, as linguas que non son oficiais dun estado denomínanse linguas rexionais ou minoritarias. Así e todo, existen múltiples casos, coma o galego de linguas minoritarias que son maioritarias no seu territorio. Fala galego o 85% das persoas que viven en Galiza.
 8. A través da lingua que falamos estruturamos o noso coñecemento do mundoOs galegos fixeron evolucionar o latín nunha lingua propia para describir a súa realidade e expresar os seus sentimentos. Non é pouca achega a este mundo diverso!
9. A lingua galega conta cunha historia rica, con situacións cambiantes condicionadas polos acontecementos sociopolíticos de cada tempo. No medievo gozou do prestixio da lírica e da documentación formal; no século XVI foi eliminada dos usos administrativos e quedou como lingua da casa e dos camiños; no século XIX colle alento e faise máis presente nas actividades das clases acomodadas. Hoxe é lingua cooficial de Galiza, falada no Parlamento, na televisión, no hip hop ou na escola. E no futuro, sen cancelas!
10. O ruso é a lingua máis falada en Europa, xa que conta con 120 millóns de falantes, pero pola súa condición social e económica non se considera hoxe lingua estratéxica no ámbito económico. O número de falantes non é o único factor que determina a situación dunha lingua. E as linguas son importante todas en tanto que todas as persoas son importantes.
 11. A familia foi tradicionalmente a principal responsable da transmisión das linguas. Hoxe os medios de comunicación, a escola, a convivencia con falantes doutras linguas etc. son axentes tamén fundamentais na nosa sociedade. A lingua da casa complétase así co contacto con, polo menos, outra lingua. É unha oportunidade para familiarizármonos con varios idiomas desde pequenos!
12. Manter a diversidade das linguas do mundo é unha maneira de garantir a subsistencia da diversidade das culturas.
Non temos que agochar a nosa lingua que foi dos nosos avós e que será dos nosos netos. O galego goza de vitalidade. Os galegos temos futuro e a lingua via connosco. E logo!